Condicións de servizo adicionais de Google Maps para usuarios finais
Data da última modificación: 4 de xuño de 2025
Ao usar Google Maps, ou calquera produto ou servizo de terceiros que integre os servizos de Google Maps Platform, como usuario final debes aceptar (1) as Condicións de servizo de Google e (2) estas Condicións de servizo adicionais de Google Maps (as "Condicións adicionais de Maps"). As Condicións adicionais de Maps incorporan por referencia os Avisos legais de Google Maps/Google Earth e as API de Google Maps/Google Earth.
Le atentamente estes documentos. Referirémonos a eles en conxunto como "Condicións". Neles establécese o que podes esperar de nós ao utilizar os nosos servizos, así como o que nós esperamos de ti.
Se usas as funcións exclusivas para comerciantes de Google Maps para xestionar o teu perfil de empresa, este uso rexerase polas Condicións de Perfil de empresa en Google, dispoñibles en https://support.google.com/business/answer/9292476.
Recomendámosche que leas a nosa Política de privacidade. Nela explícase que información recompilamos, por que o facemos e como podes actualizar, xestionar, exportar e eliminar os teus datos.
Licenza. Sempre e cando cumpras estas Condicións, as Condicións de servizo de Google ofrécenche unha licenza para utilizar Google Maps, que inclúe funcións que che permiten facer o seguinte:
ver e anotar mapas;
crear ficheiros KML e capas de mapa;
mostrar publicamente o contido cunha atribución axeitada en liña, en vídeo e en papel.
Na páxina de permisos referentes ao uso de Google Maps, Google Earth e Street View podes consultar máis detalles sobre o que se che permite facer con Google Maps.
Condutas prohibidas. Se queres dispor da licenza necesaria para utilizar Google Maps, debes cumprir co que se indica nesta sección 2. Ao usar Google Maps, non podes facer nada do que se describe a continuación (nin debes permitir que outras persoas o fagan no teu nome):
redistribuír nin vender partes de Google Maps, nin tampouco crear un produto ou servizo novo baseado en Google Maps;
copiar o contido (agás que teñas permiso para facelo segundo a páxina de permisos referentes ao uso de Google Maps, Google Earth e Street View ou a lexislación aplicable en materia de propiedade intelectual, incluído o "uso lexítimo");
descargar en masa nin crear feeds masivos do contido (nin permitir que o faga outra persoa);
usar Google Maps para crear ou ampliar outro conxunto de datos relacionado con mapas (por exemplo: un conxunto de datos de navegación ou de mapas, fichas de empresa, bases de datos, listas de distribución ou listas de telemárketing) para o seu uso nun servizo que sexa un substituto de Google Maps ou ben sexa moi parecido;
usar partes de Google Maps con produtos ou servizos doutras persoas para a navegación en tempo real ou o control autónomo de vehículos ou ben en relación con eles, agás mediante unha función específica proporcionada por Google (por exemplo, Android Auto).
Condicións reais e asunción de riscos. Cando uses datos de mapas, tráfico, indicacións e outros contidos de Google Maps, poderás observar que as condicións reais difiren dos resultados dos mapas e do contido, así que terás que aplicar o teu criterio persoal e usar Google Maps baixo a túa responsabilidade. Ti es responsable en todo momento da túa conduta e das súas consecuencias.
Os teus contidos en Google Maps. Os contidos que cargues, envíes, almacenes ou recibas a través de Google Maps estarán suxeitos ás Condicións de servizo de Google, incluída a licenza da sección titulada Permiso para utilizar o teu contido. Non obstante, os contidos que só se almacenen de forma local no teu dispositivo (por exemplo, un ficheiro KML gardado localmente) non se lle enviarán a Google nin se cargarán nos seus servizos e, polo tanto, non estarán suxeitos a esa licenza.
Usuarios finais de entidades gobernamentais. Se empregas Google Maps en nome dunha entidade gobernamental, aplícanse as seguintes condicións:
Lexislación aplicable.
- 
    
No caso de entidades gobernamentais municipais ou estatais nos Estados Unidos e na Unión Europea, non se aplicará a sección das Condicións de servizo de Google relativa á lexislación aplicable e á xurisdición.
 - 
    
No caso de entidades gobernamentais federais dos Estados Unidos, a sección das Condicións de servizo de Google sobre a lexislación aplicable e a xurisdición substitúese por un apartado coma este:
"As presentes Condicións rexeranse, interpretaranse e aplicaranse segundo a lexislación dos Estados Unidos, sen referencia a conflitos de leis. Unicamente na medida permitida pola lexislación federal: (A) aplicaranse as leis do Estado de California (excluídas as normas de conflitos de leis de California) en ausencia de lexislación federal aplicable; e (B) calquera disputa relacionada con estas Condicións ou con Google Maps litigarase de forma exclusiva nos tribunais federais do Condado de Santa Clara, California, e as partes aceptan a xurisdición persoal neses tribunais."
 
- 
    
 Dereitos restrinxidos do Goberno dos Estados Unidos. Todo o acceso ou uso de Google Maps por parte do Goberno Federal dos Estados Unidos ou no seu beneficio está suxeito á sección referente aos dereitos restrinxidos do Goberno dos Estados Unidos dos Avisos legais de Google Maps/Google Earth.